xoves, 5 de abril de 2018

Fálame da emigración.


Queridos alumnos, o mércores 4 de abril foi o segundo encontro cos maiores dentro do programa Fálame da emigración. No primeiro encontro expuxeron as súas vivencias como emigrantes a países de Europa nos anos 50 e vós tivestes a oportunidade de dialogar con eles sobre a súa experiencia. Esta vez pídesevos que reflexionedes en grupos sobre as motivacións para emigrar e que  aporta ao país de ida e ao noso país a emigración.  Na entrada do centro temos unha exposición de fotografías sobre a emigración galega a distintos países e pedinvos como traballo un texto escrito por vós sobre unha fotografía da exposición. Partides do pé de foto que ledes con atención e vos aclara cousas e logo describides o que vedes. A foto ten que dar motivo para unha pequena reflexión sobre a emigración.

📷Imaxes para comentar: enlace Fundación Abanca Aquí elexides unha imaxe

Exemplo:

Virxinia (EE. UU.), 1982. Os investigadores españois Mariano Barbacid e Eugenio Santos xunto con outros colaboradores americanos que traballan no el Instituto Nacional do Cáncer dos Estados Unidos.

A imaxe suxire o seguinte comentario: 

Nos últimos anos a crise volve empuxar a moita xente nova cara ao estranxeiro, pero a emigración actual é moi diferente á das nosas avóas e avós: trátase dunha mocidade ben formada, que fala idiomas,con acceso ás comunicacións a través de Internet, e que en ocasións ocupa postos altamente cualificadose de carácter científico no país de acollida. Este tipo de emigración é moi atípica e infrecuente na década dos sesenta.

COMO QUEDA O MEU TEXTO?

A miña imaxe en branco e negro,  é dos anos 80 nos Estados Unidos. Aparecen catro persoas nun laboratorio médico. Ou iso penso, porque sei que traballan nun centro que estuda o cancro, ese mal que se espalla por todas partes e "do que morreu miña tía Pascualina" como di  un señor da radio.

Se nos fixamos en tantísimos tarros de medicamentos e outros produtos que nin sabería chamarlle que hai nas estanterías do fondo debe ser aí onde fan as súas investigacións. Dous xoves científicos españois traballando  nun país que investiga. Estou segura de que se foron porque aquí non tiñan esa posibilidade. É unha mágoa!. Se descobren algún tratamento ou menciña,ou...o que sexa, será noutro país, non no deles e nós teremos que pagar a patente

A foto non deixa de chamarme a atención porque ben se ve que é nun momento de lecer; rinse e non teñen a bata branca de laboratorio posta. Todos parecen estar animados e mostran boa camaradería; son colegas e tanto ten que sexas home ou muller. Porque un dos personaxes da foto é unha muller científica, que as hai, pero non pensedes que tanto. Sobre este tema habería moito que dicir pero non quero obrigarvos a escribir un libro.

E xa non falemos das perspectivas que ten a xuventude hoxe en día no campo da investigación! Mellor coller un avión para un país nórdico antes de poñernos cabreados.


Unha patente é un conxunto de dereitos exclusivos garantidos por un goberno ou autoridade ó inventor dun novo produto (material ou inmaterial) susceptible de seren explotado industrialmente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario