domingo, 17 de setembro de 2017

A torre de Babel.Unha cuestión para ter clara.

Linguas do mundo.




A lingua galega e outras linguas.





⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪


TEXTO 1
Toda a terra falaba una soa lingua e usaba as mesmas palabras. Ó emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí. Dixéronse uns ós outros: _“Imos facer ladrillos e cocelos no lume”. O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento. E nisto propuxeron: _ “Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome sonado, para non nos perder pola ancha face da terra”.
Baixou o Señor para ve-la cidade e a torre que os homes construían, e pensou: _ “Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza. Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros”. O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade. A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.

Xén 11,1-9
A  Torre de Babel, pintura ao óleo sobre lenzo de Pieter Brueghel o Vello.
TEXTO2

 "Algúns homes -galegos tamén andan a falaren d-un idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfeición babeando pol-a escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produz a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, co-a súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velahí vai a demostración:
Un can de Turquía oubea igoal que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por qué? Porque os probes animaes ainda están no idioma universal..."  CASTELAO

👀  Que é un mito?:  Historia fabulosa de tradición oral que explica, por medio da narración, as accións de seres que encarnan de forma simbólica forzas da natureza, aspectos da condición humana, etc.; aplícase especialmente á historia que narra as accións dos deuses ou heroes da Antigüidade.

👦👧 PENSADE Houbo algunha vez un único idioma universal? A VARIEDADE DE IDIOMAS É UN CASTIGO DIVINO?

Explica que relación hai entre a tendencia  á diversificación das linguas e o mito dun idioma universal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario