domingo, 24 de setembro de 2017

Mapas visuais do léxico con Visual Thinking.


Imos traballar o léxico das unidades con mapas visuais. 
"O pensamento visual funciona porque o 80% do noso cerebro está deseñado para asimilar e procesar imaxes, polo que lle supoñen menos esforzo que ler un texto."

👉Por iso faremos cada unidade nunha folla do caderno, enchéndoa por completo. O mapa visual conterá palabras e debuxos. Escribiremos con corrección, rotulando se escribimos a lapis. 

👀O mapa visual implica que primeiro pensamos e repensamos todo o que temos que incluír. Esixe un coñecemento do tema e por iso o 1º paso é ler ben a unidade (apartado "O nome das cousas")






Exemplos da aula:





Que debemos evitar? Cando sabemos que está ben o noso mapa visual?

👉Sobre todo as faltas de ortografía. Trátase de aprender o léxico correcto, por iso lle botamos tempo, corriximos, borramos o lapis e logo rotulamos por riba cando xa está ben..








👉 Finalmente, comprobamos que aportamos todo o léxico do tema. Se quedamos moi escasos e nos centramos no debuxo (ten que haber un certo equilibrio entre texto e debuxo) cando repasemos para o exame só teremos unha mínima parte do vocabulario.

👉Para saber máis. O pensamento visual, Visual Thinking, é unha forma de procesar información mediante o uso de debuxos. Formalmente, o pensamento visual utiliza técnicas de debuxo e de toma de notas que permiten á persoa tratar esa información axudándose de imaxes, conectores gráficos e palabras que permitan a comprensión da mesma. Mediante as imaxes pódense identificar problemas, buscar solucións, atopar relacións entre conceptos… todo iso dunha forma máis sinxela que se usásemos a linguaxe oral, por exemplo.

Na orixe, o pensamento visual parte da constatación de que a unha gran parte das persoas, usan a vía visual como vía preferente para aprender. Por outra banda, parece que o sentido da vista sería un dos máis potentes na percepción do mundo, sendo o responsable de ata un 75% na adquisición da información sendo o resto dos sentidos responsables do 25% restante.

Tamén sabemos que o debuxo acompaña aos homes desde o comezo da humanidade, desde a nosa orixe como especie; así nolo amosan as pinturas das covas prehistóricas, a arte rupestre.

domingo, 17 de setembro de 2017

A torre de Babel.Unha cuestión para ter clara.

Linguas do mundo.




A lingua galega e outras linguas.





⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪⧪


TEXTO 1
Toda a terra falaba una soa lingua e usaba as mesmas palabras. Ó emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí. Dixéronse uns ós outros: _“Imos facer ladrillos e cocelos no lume”. O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento. E nisto propuxeron: _ “Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome sonado, para non nos perder pola ancha face da terra”.
Baixou o Señor para ve-la cidade e a torre que os homes construían, e pensou: _ “Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza. Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros”. O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade. A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.

Xén 11,1-9
A  Torre de Babel, pintura ao óleo sobre lenzo de Pieter Brueghel o Vello.
TEXTO2

 "Algúns homes -galegos tamén andan a falaren d-un idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfeición babeando pol-a escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produz a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, co-a súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velahí vai a demostración:
Un can de Turquía oubea igoal que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por qué? Porque os probes animaes ainda están no idioma universal..."  CASTELAO

👀  Que é un mito?:  Historia fabulosa de tradición oral que explica, por medio da narración, as accións de seres que encarnan de forma simbólica forzas da natureza, aspectos da condición humana, etc.; aplícase especialmente á historia que narra as accións dos deuses ou heroes da Antigüidade.

👦👧 PENSADE Houbo algunha vez un único idioma universal? A VARIEDADE DE IDIOMAS É UN CASTIGO DIVINO?

Explica que relación hai entre a tendencia  á diversificación das linguas e o mito dun idioma universal.

Benvida ao curso. Criterios de cualificación.